jueves, 18 de octubre de 2007

SENDERISMO. ROTA AFONSO

ACHADO NA CAMIÑADA DO DOMINGO, DÍA 7

(En estupendo disfrute da natureza). E distendida e ben documentada guía.

Camiño da Pedra Moura, deixamos atrás as últimas casas de Fragoselo.


A serpe máis lonxeva de Coruxo: tres mil anos longos asollándose no alto deste coto, na regueira do Pontón. Es quen de distinguila?




Nun pequeno claro entre os eucaliptos asoma a vida: o carrasco da fotografía (Calluna vulgaris)florece nestes días de outono.



Este musgo do xénero Sphagnus ten un grande interese ecolóxico; é o compoñente vexetal máis abondoso das turbeiras, hábitats que se forman en superficies chans de solos pobres e ácidos, en torno a afloramentos de auga.

Nas turbeiras, a acumulación de restos orgánicos sen descompor dá lugar á formación dun carbón vexetal chamado "turba". As turbeiras son ecosistemas pouco comúns que se encontran en perigo. En Coruxo temos unha pequena representación acarón do merendeiro de As Chans.





Estes musgos sobreviven a duras penas baixo os eucaliptos.




A oxixenación e vitalismo recollido no andar aínda
nos dura

Acacias como as da fotografía e eucaliptos abafan a nosa flora autóctona . As substancias químicas que desprenden actúan como auténticos herbicidas naturais, impedindo que a maior parte das nosas especies poidan vivir á súa sombra.









O bosque de ribeira , formado aquí por amieiros, salgueiros, loureiros e outras especies, luita por recuperar os regatos dos cais foi expulsado. Estamos en Balteiros, e no centro da fotografía podemos albiscar a elaborada canle de pedra que conducía a auga do regato cara o muíño do Cubo Alto.






O intrépido grupo vadeando unha "aguada" nas escarpadas ladeiras do val do Urubamba, na Amazónia peruana.










Ou era no Pontón, sobre os muíños de Balteiros?




Muíño de Apolinar,un dos mellor conservados do conxunto de Balteiros




Interior do mesmo muíño, mostrando un formidábel pé.




Através da canle, a auga era conducida desde o regato até o cubo do muíño.




Estes muíños son algo máis antigos que os de auga (terán sobre uns 4000 anos ). Os nosos antepasados sentaban sobre este penedo e moían nestes muíños "naviculares" empregando unha pequena mó de man.
A tipoloxía de muíño manual sobre soporte fixo é exclusiva da nosa área (Rías Baixas e Baixo Miño). O conxunto do Viveiro ten un grande valor arqueolóxico, tanto polo número de muíños como polo seu estado de conservación.



Tamén visitamos o célebre petroglifo da Pedra Moura, o mellorciño en arte repestre de todo o concello de Vigo. Apesar do seu valor, até o día de hoxe encóntrase nun estado de total abandono.
Aquí podemos apreciar o motivo central dunha grande combinación circular: os viciños de máis idade de Fragoselo coñécenno como a "Portiña de Zapón". Dicíase que un ser máxico que aquí vivía levantaba este zapón para introducirse no interior da laxe , cando era descoberto no exterior polos humanos. Seguro que xa sabedes de quen estamos a falar.


Agardamos cobizosos repetir camiñada noutro tan ben escollido andar.

No hay comentarios: